Actualidade. Entrevistas

Xavier Batalla, responsable Comercial e de Marketing de Cafès Batalla

Comecemos cunha breve presentación de Cafés Batalla.


Cafés Batalla ten a súa orixe a mediados do século pasado, sendo o tostador máis antigo de Lleida. Fundada por Pedro Batalla, e actualmente coa segunda xeración ao fronte, foi e é unha empresa referente no sector da hostelería e a alimentación. Unha orixe e estrutura familiar que soubo adaptar as súas estruturas ás innovacións do mercado e da sociedade, o que nos permite ser líderes na nosa zona e contar con distribución na maioría do país.


Por que Tarrazú?

No ano 1995, e froito dos impulsos que son necesarios nas empresas, estableceuse unha nova marca comercial e valoráronse diversos nomes, con carácter cafeteiro, que denotasen calidade e saber facer. Así, decantámonos polo nome actual, como homenaxe e admiración por unha zona cafeteira que encaixaba coa nosa idea.


Cafés Batalla ofrece unha gama de cafés especiais: café sostible, de cultivo ecolóxico e de Comercio Xusto. Cando e por que a empresa decide apostar por este mercado?


A empresa sempre foi sensible con este tipo de produtos de responsabilidade social, económica e medioambiental. Froito desta filosofía, e de estar atentos ás demandas e tendencias do mercado e da sociedade, tanto no noso país como no resto do mundo, empezouse a traballar con este tipo de cafés no ano 2002, colaborando estreitamente coas diferentes entidades como SETEM e Alternativa 3, o que nos permitiu ofrecer café de Comercio Xusto cando era un tema incipiente en España. Máis adiante, coa regularización do selo FLO no noso país, Cafés Batalla figura como importador e licenciatario deste tipo de produtos.


Estes produtos están certificados?  


Absolutamente, xa que entendemos que é a base da máis mínima credibilidade respecto de terceiros. Aínda que dispoñemos de certificacións internas pola norma ISO, é absolutamente necesario contar con entidades que auditen, garantan e certifiquen o noso traballo e produto. Ademais de traballar baixo as normas de calidade, dispoñemos das certificacións de FLO (xa desde os seus inicios fóra de España), CCPAE, UTZ KAPEH e OCIA, e contamos coa colaboración de entidades como SETEM para outras certificacións.


Onde compran o café verde de Comercio Xusto? Cal é a súa procedencia? Teñen dificultades para proverse do café?


Traballamos con diferentes orixes como México, Perú, Colombia, Nicaragua, Tanzania,... en función da disponibilidade, xa que o noso produto reúne a dobre consideración de Comercio Xusto e ecolóxico. Con estes cafés elaboramos o noso propio blend que nos depara un resultado en cunca de alta calidade.  


Cal é a porcentaxe das vendas totais anuais de café de Comercio Xusto?  

Actualmente un 10% do café marca Tarrazú é café de Comercio Xusto e ecolóxico.


O consumidor pode elixir entre paquetes de 1 quilo ou de 250 gr. Que clase de público compra este café? 

Efectivamente dispoñemos de formatos de quilo, para café en gran, e de 250 gr. moído e envasado ao baleiro para a canle alimentación, cuxo destino é o consumidor final. O formato quilo, orientado ao sector da hostelería, colectividades e vending, é cada vez máis importante xa que cada día hai unha maior demanda deste produto, froito do coñecemento do mesmo, tanto na súa vertente social, económica e medioambiental, como pola garantía por parte dos tostadores e das entidades certificadoras respecto á orixe do café. É grazas aos establecementos hoteleiros, cada día en maior número, que apostan por este tipo de café, o que nos permite chegar a máis consumidores. Tamén incorporamos o ano pasado, como complemento, a gama de tés de Comercio Xusto e ecolóxico.


Para concluír, como valora a súa experiencia en traballar con cafés de Comercio Xusto?

Moi positiva e gratificante. Os máis de seis anos que levamos traballando con este tipo de café permitíronnos ser partícipes nun proxecto desde a súa orixe en España e poder coñecer e traballar con persoas e entidades que nos aportaron moito. Ademais, a boa acollida por parte do mercado, demostrounos que foi unha decisión acertada.