Actualmente o maior impulso desde as institucións públicas ao Comercio Xusto está producíndose grazas á concienciación dos gobernos autonómicos e locais co desenvolvemento sostible. Moitos deles estanse adherindo a plataformas internacionais que dan apoio a esta temática.
A nivel autonómico, as comunidades que recoñecen nas súas leis de cooperación o Comercio Xusto son: Aragón, Cataluña, Estremadura, A Rioxa e Navarra.
Xa fose do ámbito da cooperación e de forma non vinculante, o Comercio Xusto tivo un recoñecemento parlamentario con Proposicións Non de Lei e Resolucións en diversas comunidades como Andalucía, Cataluña, Galicia, Madrid, Navarra e o País Vasco.
Debemos destacar a creación da Xarxa Catalá per a Compra Pública Ètica. Esta rede está formada por administracións públicas que desexan tomar medidas para loitar contra a explotación laboral de traballadores e traballadoras dos países empobrecidos. Coa introdución de criterios éticos na compra pública de roupa pretenden implementar mecanismos que permitan asegurar que a roupa utilizada por traballadores e traballadoras das nosas administracións públicas foi confeccionada libre de explotación e inxustizas. A propia Generalitat de Catalunya, o Concello de Barcelona, a Deputación de Barcelona ou o Concello de Tarragona, entre outros, pertencen a esta rede.