Café de Comercio Xusto

Café tostado

O Café de Comercio Xusto provén de organizacións de pequenos produtores e produtoras, xeralmente cooperativas, ás que se lles paga un prezo xusto polo seu excelente café. O prezo que paga o Comercio Xusto ás cooperativas caficultoras ha de permitir ás familias campesiñas cubrir os custos da súa produción de café e saír da miseria. En situación de pobreza digna, as familias campesiñas organizadas en cooperativas terán máis posibilidades de desenvolverse na súa comunidade sen ter que emigrar.


Os pequenos produtores/as de café están en proceso de construción de estruturas organizativas, produtivas e comerciais capaces de influír positivamente nas condicións de vida das súas comunidades e facerse un espazo nas redes internacionais de distribución de café. O Comercio xusto apoia estes procesos e aposta polo empoderamento dos campesiños e campesiñas desfavorecidos para que poidan ser donos e donas do seu propio destino.


Actualmente hai máis de 500.000 caficultores de 22 países de África, Asia e América Latina agrupados en organizacións que comercializan parte da súa produción baixo os criterios de Comercio Xusto.