Intercambio en San Cristóbal

Compras, Twin Trading Ltd. e Setem organizaron, do 24 ao 28 de outubro de 2005, un intercambio de pequenos produtores de café en San Cristóbal de las Casas (Chiapas, México) no que participaron máis de 40 persoas dunha decena de organizacións de México, Nicaragua, O Salvador e Perú.

O primeiro día presentáronse relatorios acerca das tendencias do mercado de café e da situación actual do Comercio Xusto en Latinoamérica e o Caribe e as súas relacións con FLO (Fairtrade Labelling Organization). Os asistentes, divididos en tres mesas de traballo -directivos das organizacións, responsables de comercialización e responsables de control de calidade- avaliaron os acordos alcanzados noutros encontros similares e desenvolveron conxuntamente novas propostas de traballo para o futuro.

Os seguintes tres días, e en paralelo, dedicáronse aos obradoiros de Manexo de Riscos e Control de Calidade. No primeiro obradoiro, os asistentes aprenderon de forma dinámica e práctica distintas ferramentas de traballo útiles para xestionar correctamente os riscos na fixación dos contratos de compra/venda de café. No Obradoiro de Control de Calidade catáronse distintos cafés gourmet e compartíronse distintas técnicas de xestión da calidade do café (zonificación de cafetais, sistema de control interno e mesturas de café).

O último día realizouse o de Obradoiro de Metodoloxías Educativas co fin de facilitar aos asistentes as ferramentas necesarias para poder replicar os obradoiros recibidos nas súas organizacións base. O intercambio finalizou cunha valoración conxunta dos cinco días por parte de todos os asistentes e facilitadores.