Os pequenos produtores de café están en proceso de construción de estruturas organizativas, produtivas e comerciais capaces de influír positivamente nas condicións de vida das súas comunidades e facerse un espazo nas redes internacionais de distribución de café. Compartir estes procesos permite enriquecer as organizacións involucradas, sexan estas da mesma zona ou de zonas ou países distintos, e articular, se se desexa, estratexias de apoio mutuo e traballo en común.
O desenvolvemento destes procesos facilítase reforzando o traballo en rede das organizacións de pequenos produtores de café, apoiando as súas estruturas organizativas nacionais e supranacionais e fomentando espazos para intercambios de experiencias.
Actualmente hai máis de 500.000 caficultores de 22 países de África, Asia e América Latina agrupados en organizacións que comercializan parte da súa produción baixo os criterios de Comercio Xusto. Boa parte destes pequenos produtores tamén traballan en rede e periodicamente comparten espazos de intercambio.