A maior parte dos pequenos produtores de café non están organizados, viven en zonas illadas, non dispoñen de infraestrutura para vender directamente a súa produción nos mercados locais e descoñecen os mecanismos de fixación de prezos do café. Este feito provoca que dependan completamente de intermediarios locais.
Os intermediarios en México reciben o nome de coyotes, en Perú o de pirañas e en Indonesia coñécense como tiburóns. Desde os anos oitenta, os pequenos produtores de café estivéronse organizando.
Grazas ao seu propio esforzo e ao apoio de organizacións que impulsaron propostas como as do Comercio Xusto, están en proceso de construción de estruturas organizativas, produtivas e comerciais capaces de influír positivamente nas condicións de vida das súas comunidades e facerse un espazo nas redes internacionais de distribución de café.
Actualmente hai máis de 500.000 caficultores de 22 países de África, Asia e América Latina agrupados en organizacións que comercializan parte da súa produción baixo os criterios de Comercio Xusto. Boa parte destes pequenos produtores tamén traballan en rede organizados en asociacións de Comercio Xusto.