Novas

Actualidade. Noticias

28/04/2010
Informe 2009 “O Comercio Xusto en España: Cuestión de xénero”
Lixeiro descenso das vendas de Comercio Xusto en España

As vendas de Comercio Xusto en España crecen dende o ano 2000 pero descenden lixeiramente o último ano. Iste é un dos datos que destaca o Informe “O Comercio Xusto en España 2009. Cuestión de xénero”, que foi presentado o pasado día 16 de marzo en Madrid e o 26 do mesmo mes en Donosti. O informe foi elaborado por SETEM e a Coordinadora Estatal de Comercio Justo (CECJ), con financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID).

O descenso que experimentou o Comercio Xusto no 2008 situouse nun 2,9% con respecto ao ano anterior, ano que rexistrou o máximo volume de facturación superando os 16,8 millóns de euros. Dende o ano 2000, os ingresos foron aumentando cunha media do 12,1%.

Por Comunidades Autónomas, algo máis da metade das vendas de toda España prodúcense entre Cataluña (29,7%) e Madrid (21,8%). Estas, xunto con Andalucía (8,9%), País Vasco (8%) e a Comunidade Valenciana (6,1%) representan o 75% do total.

A metade das compras realízanse nas tendas de Comercio Xusto. A outra metade repártese entre establecementos de produtos ecolóxicos (7,9%), supermercados e grandes superficies (12,3%), outros minoristas (16,7%) i, en menor medida, hostelería e máquinas de vending.

En canto ás preferencias das persoas consumidoras, o máis vendido son os produtos de alimentación, que representan o 60% das vendas. O café mantense como o produto estrela: leva case a metade das vendas de alimentos. Séguenlle en vendas o cacao e o azucre. En artesanía, os artigos máis mercados foron os complementos (30%), e a decoración (26,7%), seguidos de téxtiles pra o fogar (16,8%), roupa (11,8%) e xoguetes (8,1%).

Estes produtos proveñen de 43 países, a maioría latinoamericanos (16), seguidos de africanos e asiáticos. A maioría das organizacións produtoras de Comercio Xusto son cooperativas ou asociacións.

Na súa segunda parte, o informe analiza a relación entre xénero e Comercio Xusto. As cifras reflicten que a pobreza afecta de maneira especial ás mulleres: o 70% dos 1.200 millóns de persoas que viven na pobreza, son mulleres. Ademais, en todo o mundo elas reciben menos salario polo mesmo traballo. A pesar de ser propietarias só dun 1% da terra no planeta, son as principais produtoras de alimentos: contribúen entre o 70-80% na alimentación en África subsahariana, o 65% en Asia e o 45% en América Latina.

O informe destaca que a igualdade de xénero é unha prioridade pra todas estas organizacións, e por iso desenvolven diferentes estratexias. En tódalas organizacións de Comercio Xusto, a remuneración é igual entre homes e mulleres polo mesmo traballo, dado que a equidade é un dos principios básicos do Comercio Xusto.